Novas 2021
COMPETICION
04 Nov 2021
CaixaBank homenaxea a Donostia Arraun Lagunak
As fotos das campioas da Liga Euskotren 2021 permanecen na fachada da oficina da rúa Urbieta da entidade financeira
Hai máis dun mes que a tempada de remo de banco fixo rematou, e CaixaBank como patrocinador principal da Liga Euskotren, quixo homenaxear as campioas da tempada 2021. Donostia Arraun Lagunak, que por primeira vez vestiu o maillote de CaixaBank que as acredita como campioas da Liga Euskotren 2021, recibe a homenaxe por parte de CaixaBank que tematizou a oficina do centro da capital guipuscoana coas cores de Donostia Arraun Lagunak. Toda a fachada da oficina situada na rúa Urbieta 32 está vinilada con imaxes das campioas.
No encontro estiveron presentes unha pequena representación da traiñeira de Donostia Arraun Lagunak, coa súa patroa Andrea Astudillo á cabeza, e Emilio Cuadrado, director de Área de Negocio de CaixaBank en Donostialdea. “Poder estar hoxe aquí é unha grande alegría, igual que o ten sido podermos gozar dunha tempada emocionante de traiñeiras. Hai non tanto era case un soño pensar dar desfrutado tanto do remo no verán e, ademais, presenciando regatas que ficarán para o recordo”, explica Cuadrado. “As mozas de Donostia Arraun Lagunak lograron imporse e fixeron historia para o remo donostiarra, e o certo é que para CaixaBank é un exemplo o compromiso e o traballo en equipo que demostraron as remeiras de Donostia Arraun Lagunak. Polo que, sen dúbida, é unha honra poder tinxir a nosa oficina con ese espíritu co que nos sentimos tan identificados en CaixaBank”, conclúe Cuadrado.
Pola súa banda Andrea Astudillo, patroa de Donostia Arraun Lagunak, aproveita tamén para facer unha avaliación do rendemento da embarcación donostiarra. “Estamos moi contentas de podermos recibir este tipo de homenaxes e cremos que pon en valor todo o esforzo que realizamos durante todo o ano para darmos chegado até aquí. O que fixemos nesta tempada é moi difícil de conseguir, pero estamos con vontade de podermos repetilo. En calquera caso, agora é momento de descansar e collermos forzas para a tempada 2022 que seguro chegará cargada de emoción”, apunta a patroa.
A homenaxe tamén está aberta para as persoas afeccionadas, que xa poderán achegarse á oficina de CaixaBank e levar de forma gratuíta o póster das campioas. Un póster no que se pode ver as componentes do equipo campión engalanadas co maillote de CaixaBank.
A vinculación histórica de CaixaBank co deporte
CaixaBank é unha das empresas pioneiras no patrocinio deportivo con case 30 anos de experiencia. A través do patrocinio, a entidade financeira fomenta o progreso cultural, social e económico en todo o territorio onde ten actividade, en liña cos seus valores fundacionais de compromiso coa sociedade.
A través da maior rede de oficinas do sector, CaixaBank mantén unha estreita vinculación co territorio e conta cunha vocación de entidade próxima ao cliente, que se traduce en patrocinios estatais, rexionais e locais como estratexia adecuada para xerar notoriedade en cada zona de influencia. Por ese motivo, CaixaBank en Euskadi está presente en entidades como o Eibar, Alavés, Amorebieta ou Baskonia. Pero a estratexia da entidade pasa tamén por apoiar e fomentar o deporte do territorio, como é o caso do remo coa liga de traiñeiras, ou da pelota man co patrocinio principal da LEPM.