Novas 2018
ENTREVISTAS
16 Mai 2018
"Metérmonos na segunda quenda sería un grande obxectivo"
Juan Mari Etxabe, adestrador de San Juan Sumelec, fálanos das mudanzas que sufriu o seu equipo e descóbrenos cales son os obxetivos para a Eusko Label Liga 2018
O agardado inicio da Eusko Label Liga está cada vez máis perto, e para sentir aínda máis ese comezo, esta semana entrevistamos a Juan Mari Etxabe, técnico de San Juan Sumelec, onde ademais de falarnos das novidades do seu equipo, tamén nos fala sobre os obxectivos dos ‘rosas’ para esta nova tempada.
Os sanjuandarras afrontarán a nova tempada con grandes mudanzas, pois “as baixas son moitas, son 12”, e engade que para cubrir esas baixas “subimos xente da canteira e estamos a traballar con eles”. Malia as mudanzas, o técnico fala de sensacións positivas xa que “polo de agora estou contento, a xente está motivada e con vontade. Vai ser xente inexperta, pero imos con iso”.
En canto á rivalidade deste ano afirma que “arriba vai haber seis ou sete embarcacións marcadas por diante, e despois o resto; Tirán Pereira, Kaiku Producha, San Pedro e máis nós estaremos aí abaixo sufrindo ou a facer o mellor posible o noso traballo”. Centrando a súa atención nos obxectivos da Eusko Label Liga, asegura que o seu é “estar o máis arriba posíbel”, e tamén “metérmonos na segunda quenda sería un grande obxectivo, un grande salto, pero salvarnos tamén ha ser difícil” ao que engade que “os galos están para gañaren e nós estamos para tentármonos salvar, facermos unha boa tempada e facermos as cousas ben”.
Logo de analizar a pretempada, o adestrador da ‘Erreka’ di estar “moi contento de como vai marchando o barco no inverno, hai días que temos momentos moi bos, de moi boa calidade, de andar ben e a boa velocidade, pero despois cómpre facer ben a regata” e se algo preocupa a Juan Mari Etxabe, é “ese nerviosismo, esa presión, teño medo de que poida co equipo”.