Novas 2021

ASOCIACION

02 Dec 2021

"Queremos afianzármonos na Liga Eusko Label"

"Queremos afianzármonos na Liga Eusko Label" "Queremos afianzármonos na Liga Eusko Label"

Con algunhas mudanzas na Xunta Directiva, o CR Ares continua co proxecto que vén realizando ao longo de varias tempadas

Germán Sánchez foi reelixido como presidente de CR Ares na Asemblea celebrada a finais do mes de outubro, aínda que non foi até finais de novembro cando completaron a Xunta Directiva. Con varios nomes novos no seu equipo, a nova Xunta Directiva quere dar continuidade ao traballo que se está a realizar nos últimos anos.

Neste primeiro mes de traballo, José Manuel Montero, vicepresidente e secretario da nova Xunta Directiva, asegura que foi un mes de "traspaso de poderes. Acabamos de rematar de tramitar a nova Xunta Directiva, sendo unhas semanas de moitas reunións. Germán, o presidente, está coordenando as diferentes áreas en que estamos a traballar no día a día do club", asegura Montero.

No plano deportivo, Montero asegura que a continuidade do proxecto é "total". Juan Manuel Vidal continua como director técnico e José Manuel Peláez `Pendo´ como adestrador. Ademais, "contamos con poucas baixas entre os remeiros, e canda os reforzos que virán das súas cesións, queremos afianzármonos na Liga Eusko Label. A idea é gañar a primeira quenda ou estar na segunda, aínda que sabemos que non será doado", admite Montero.

O equipo xa está a adestrar estes días. Puideron sacar dúas traiñeiras á auga nos primeiros días da pretempada;  "queremos traballar e pulir a técnica cos novos remeiros que estarán connosco", indica o secretario.

Sobre o proxecto, Montero asegura a importancia da canteira. "Estamos a facer moitas reunións cos pais. Para un club como Ares, é moi importante ter unha canteira forte, e por iso estamos a realizar un traballo coa escola co técnico Enrique Antón", afirma Montero.
 

Voltar