ACT TV 2021

ESPECIAL

10 Mai 2021

CaixaBank e a ACT navegan máis unha tempada co mesmo rum

CaixaBank e a ACT navegan máis unha tempada co mesmo rum

•    Juan Pedro Badiola, Director Territorial Norte de CaixaBank, e Borja Rodrigo, Presidente da ACT, selaron o acordo polo cal a entidade financeira, por noveno ano consecutivo, será patrocinadora principal da máxima competición de traiñeiras.

•    A Bandeira CaixaBank volta a Castro Urdiales o que posibilitará que Cantabria poida gozar nas súas augas da máxima competición masculina e feminina de traiñeiras.
 

CaixaBank mantén firme o seu rumbo canda a ACT e con este xa suma nove anos comprometida coa elite do remo de traiñeiras, unha das competicións deportivas máis notorias da época estival no Cantábrico e Atlántico. Isto convirte a entidade financeira na patrocinadora principal máis lonxeva da ACT. E malia a situación excepcional que se está a vivir a nivel mundial a causa da crise sanitaria, CaixaBank seguirá a ser un dos patrocinadores principais, dando nome ao máximo galardón da competición, a Coroa CaixaBank, pola que os doce clubs socios competirán este verán ao longo de 20 xornadas que levará as embarcacións a navegaren por Galiza, Cantabria e o País Vasco. 

Como vén sendo habitual, CaixaBank tamén premiará o labor dos patróns á hora de guiar a súa tripulación a través do campo de regatas e que o ano pasado levou Asier Zurinaga, patrón na pasada campaña da ‘Sotera’ de Santurtzi. Ademais, a estrela de CaixaBank tamén puxará as embarcacións femininas, tinxindo a pel das líderes da competición feminina e fomentando o crecemento dunha competición que ano a ano vai a máis. 

Mais a grande novidade este ano chega coa Bandeira CaixaBank. A entidade financeira fai posíbel que Cantabria volte poder gozar nas súas augas das grandes competicións de remo, a Liga Eusko Label e a Liga Euskotren. Así, no vindeiro 24 de xullo Castro Urdiales acollerá a Bandeira CaixaBank, onde as 12 mellores traiñeiras masculinas e as 4 mellores femininas pugnarán respectivamente por conquistar a victoria en Brazomar. 

Confianza e compromiso
Deste xeito, nun encontro celebrado na Dirección Territorial Norte de CaixaBank, o presidente da ACT, Borja Rodrigo, e o Director Territorial Norte de CaixaBank, Juan Pedro Badiola, selaron este novo acordo de colaboración. “Son nove anos, somos o sponsor que máis tempo leva e é unha satisfacción”, explica o Director Territorial Norte de CaixaBank, unha dirección territorial que abarca Galiza, Asturias, Cantabria e País Vasco. “Malia as dificultades do contexto, o ano pasado tíñamos claro que era momento de seguir a apostar no remo e ficamos moi satisfeitos do resultado final da competición, non apenas no nivel deportivo mais tamén en todo o que o rodea”, apunta Badiola. Ademais, no ligado coa volta da competición a Cantabria, confesa que “aínda que este ano non haxa ningunha embarcación cántabra na Liga Eusko Label, o noso compromiso co territorio levounos a pedirmos que a Bandeira CaixaBank sexa en Castro Urdiales para que así os cántabros poidan seguir a gozar co remo de altísimo nivel”.  

Pola súa parte, Borja Rodrigo, Presidente da ACT, agradece que “unha empresa líder de sector financeiro siga a apostar polos valores da Asociación. Despois de nove anos, custa atopar novas palabras para describir o compromiso e fidelidade que mostra CaixaBank con esta renovación”. Ante o comezo da competición, “en apenas dous meses poderemos gozar da competición, e coñecer os gañadores da Coroa CaixaBank e do maillote do mellor patrón”.

CaixaBank, entidade comprometida co deporte
Para CaixaBank, o patrocinio deportivo é unha ferramenta estratéxica de comunicación que imparte valores que a entidade comparte coa práctica deportiva, como son o liderado, o esforzo, a superación e o traballo en equipo. A través do patrocinio, a entidade financeira fomenta o progreso cultural, social e económico, en liña cos seus valores fundacionais de compromiso coa sociedade. 

A través da rede de oficinas, CaixaBank mantén unha estreita vinculación co territorio e ten vocación de entidade próxima co cliente, que se traduce no patrocinio local como estratexia adecuada para xerar notoriedade no territorio de influencia. Por ese motivo, CaixaBank, na súa Dirección Territorial Norte, está presente en entidades como o Eibar, Alavés, Baskonia, Sporting de Gijón ou Real Oviedo. Mais a estratexia da entidade pasa tamén por apoiar e fomentar o deporte do territorio, como é o caso do remo coa liga de traiñeiras, o da pelota man co patrocinio principal da LEPM ou as principais carreiras populares de Galiza. 

Voltar