SAMERTOLAMEU FANDICOSTA
Historia
A SD Samertolameu fundouse no 1979, practicando daquela como deporte principal o remo, ademais de fútbol e atletismo. Fundouse para dar continuidade a todos os remeiros da vila de Meira que tantos éxitos lograron como Educación e Descanso de Moaña.
No comezo desta nova etapa, a afección acolleu esta SD con grande entusiasmo, índose no referente principal de Galiza. Foi o primeiro club galego en acadar un terceiro posto na prestixiosa Bandeira da Concha.
Nas vitrinas do Local Social gárdanse as 336 bandeiras conseguidas en bateis, traiñeiriñas e traiñeiras, ademais dun subcampionato mundial e seis campionatos de España de banco móbil.
Mais para alén dos títulos deportivos, a SD orgúllase do seu labor formador. Da súa canteira saíron importantes deportistas e adestradores que contribuíron a elevar este deporte a altas cotas.
A SD Samertolameu está consolidada e recoñecida a nivel galego e estatal; en 2014 gañamos a Liga LGT e o playoff que daba dereito a poder vogar no 2015 na Liga San Miguel.
Porén sempre nos propomos novos retos, procurando constantemente evolucionar. Estes obxectivos a curto prazo pasan por se manter o primeiro equipo na máxima categoría: a Liga San Miguel. Formar deportistas con vistas a que dean o salto ao primeiro plantel e seguir co traballo das categorías inferiores.