Novas 2023
COMPETICION
08 Ago 2023
Cabo de Cruz acolle este domingo as regatas da Liga Eusko Label e da Liga Euskotren
O vindeiro domingo día 13 de agosto celébrase en Cabo de Cruz unha das xornadas da ACT na que se van desputar a IV Bandeira de Traiñeiras Feminina Rianxeira da Liga Euskotren e a XXXIII Bandeira Concello de Boiro da Liga Eusko Label. Na presentación participaron o alcalde de Boiro, José Ramón Romero; o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo; o presidente do Club de Remo Cabo da Cruz, Luis Piñeiro; e a directora de Relacións Institucionais de Jealsa, Margarita Hermo.
"É un dos encontros de remo máis importantes no noso municipio e que congrega a centos de afeccionados, especialmente este ano no que o Club de Remo Cabo de Cruz conta con dous equipos na primeira categoría", afirmou o concelleiro Marcos Fajardo. O alcalde, José Ramón Romero, convidou a veciñanza e visitantes a asistiren este domingo ao porto de Cabo de Cruz a presenciar esta proba xa que "ademais dun encontro co remo trátase dunha data moi sinalada para o turismo e a dinamización económica de Boiro".
A partir das 11.25 horas do domingo vanse desputar a décimo segunda xornada puntuábel da Liga Euskotren e a décimo cuarta da Liga Eusko Label. A regata masculina será a 4 longos e 3 ceavogas e a feminina a 2 longos e 1 ceavoga. "É un campo de regatas moi atractivo, os remeiros están máis motivados cando compiten na casa e os dous equipos de Cabo poden ter bos resultados o domingo", recoñeceu o presidente do Club, Luis Piñeiro.
"En Jealsa estamos moi orgullosos de acompañar os nosos deportistas nos seus fitos e de que esta bandeira feminina se despute por primeira vez na ACT. Os nosos remeiros teñen moito mérito xa que son afeccionados e están a facer unha grande tempada", comentou Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais de Jealsa, empresa patrocinadora da bandeira feminina.
No remate haberá a habitual fan zone con sponsors da ACT e unha carpa para unha degustación de mexillón e paella.