Novas 2012

ENTREVISTAS

01 Set 2012

"DE ASCENDERMOS SERÁ UNHA SORPRESA, PORQUE HAI MOITO NIVEL"

"DE ASCENDERMOS SERÁ UNHA SORPRESA, PORQUE HAI MOITO NIVEL"

Pedro Gabancho, adestrador de Santurtzi-Iberdrola

Pedro Gabancho atende a chamada despois da disputa da regata clasificatoria da Concha (Castro Urdiales, 38 anos). Fala claro, sen pelos na lingua, e aínda que non renuncia ao ascenso, veo complicado: “É o play-off máis difícil dos últimos anos”. Non ten moi boa lembranza de Bermeo, “alí perdín a categoría con Camargo o ano pasado”, pero ve xestos que o levan a ser optimista: “Podemos bater a calquera”.

 

Xa se disputou a clasificatoria da Concha. É esa proba un test para aquelas traíñas que vos ides enfrontar no play-off?

Penso que non. Mirámonos de esgello, pero a estas alturas da tempada, creo que cada un xa sabe o que ten. Nós non saimos co equipo titular, fas moitos trocos, probas… Digamos que na Concha só está en xogo a “honriña”, pero miramos para Bermeo. O resultado da clasificatoria non vai ter efecto no play-off, sexa bo ou malo. No Campionato de Euskadi conseguimos una vantaxe sobre Zumaia Altuna y Uría de 25 segundos. É esa referencia válida? Non o creo. A miña idea é que os catro estaremos ben apertadiños.

 

Como ves o play-off, a dúas semanas vista?

Difícil. Opcións temos. Sabemos onde podemos mellorar, e temos dado pasos firmes durante a tempada. Todo o ano está focado cara a terceira fin de semana de setembro, arriscando moitas cousas por esas dúas regatas, e aí andamos, probando.

 

Dixeches que ves o tema difícil. Supoño que o feito de que Orio Babyauto se amosara intratábel provoca esa reflexión, non si?

Sen dúbida. É claro favorito, pero pódeselle botar man. Non é imbatíbel. Kaiku Ambilamp e Hondarribia Orsa tamén eran invencíbeis, e máis caeron. Dominaron a ARC1 con moita comodidade en xullo, non tan claramente en agosto. Aínda gañando cometeron erros, e creo que son perfectamente batíbeis.

 

Zumaia ven da Liga San Miguel. Preocúpache?

Preocúpame que ten un plantel moi novo, con moita ilusión, e iso é perigoso para as demais embarcacións. Para Zumaia clasificarse 9º nunha regata da Liga San Miguel é parecido a gañar una bandeira, e iso fai que no play-off sexan un equipo perigoso.

 

Que podes dicirnos de Amegrove Viabús Travel?

Que fixeron moitos trocos, e que polo que chega aos meus ouvidos pensan que van clasificarse entre os dous primeiros do play-off con solvencia. Deben andar na procura de cartos para competir na Liga San Miguel, e iso é sinal de algo. Podería dicir que son case como Orio.

 

Para Santurtzi Iberdrola, sería un fracaso non subir á Liga San Miguel?

Sería un pao duro. Xuntamos o mellor equipo posíbel que podíamos facer co tema dos propios e non propios. Temos poucos recursos humanos, un plantel curto, e non puidemos competir en todas as regatas que quixeramos, sempre cumprindo o cupo. Mesmo o patrón non é propio, e iso significa unha eiva para nós. O tema é que vai ser o play-off máis duro de todos cantos houbo, e iso dificulta as nosas opcións. Outros anos houbo dous equipos que eran superiores ao resto, pero este hai moita igualdade, aínda que parece que somos nós e máis Zumaia quen o temos máis complicado.

 

Santurtzi é unha vila remeira por excelencia, tendes unha afección moi importante. Hai presión por subir? De a haber como a levades?

Eu procuro abstraerme do ambiente da vila. Supoño que verán que ascender é complicado. Non gañamos ningunha regata na ARC1, en traiñeiriñas tampouco andivemos especialmente ben, e na Concha tampouco. Non transmitimos grande solvencia, pero ben, agardamos dar a sorpresa. De ascendermos será unha sorpresa, porque hai moito nivel.

 

Dous campos de regateo, e os dous totalmente diferentes. Mar aberto e probabelmente movido en Bermeo, e a vosa ría en Portu. Como o ves?

Bermeo non me trae boas lembranzas. O ano pasado, con Camargo, perdemos alí a opción de nos mantermos. É regata bonita, con onda de costado, e se hai movemento de mar, unha regata técnica. Agora que se puxeron de moda os platanitos, a ver como funcionan. É verdade que a ceavoga a dá máis lixeira, porén despois tamén cómpre dominala, e hai que completar 5,5 quilómetros con ela.

 

Acabas de comentar o de Camargo. Coñeces a Liga San Miguel. Que lles dis aos remeiros, á xente do club?

Ben, hai remeiros que tamén estiveron na Liga San Miguel. Penso que a xente de Santurtzi é un pouco como a de Castro, da miña vila, un pouco rebelde. Non foi difícil impregnarlles ambición, mais mentalmente é xente que está moi tocada, que coñeceu moitos fracasos deportivos. Iso crea dúbidas, e hai que limpar a mente, intentar facer olvidar o pasado. Cando volviamos a casa de San Sebastián vía os mozos falando do play-off, animada, e iso dame boas vibracións.

 

Que suporía para vós conseguir o ascenso?

Buah, un marrón. Un marrón bonito. Diríalle á xente: “non sabedes onde vos metedes”. Estar na Liga San Miguel implica moitas cousas, hai que invertir moito, e sería interesante ter un equipo B. Suporía mudar a idiosincrasia do club, e iso é moi difícil. Algún dirá, que pesimista é este, pero é o que hai.

 

A Liga San Miguel fai 10 anos. Que reflexión che merece o momento que vive o remo, e como ves o futuro?

De entrada, que a Liga San Miguel é o mellor do remo. Penso que o proxecto fraguouse en Castro, e é un proxecto bonito. Mellorábel? Si, como todo, pero para iso os clubs teñen que pór da súa parte, e custa unificar criterios, non mirar tanto para cadanseu embigo. Penso que hai bastantes temas a mellorar: regatas, balizaxe, etc, pero que o central é o tema dos propios e non propios. Hai que se pór dacordo xa, porque o banco fixo estase a afundir. Os remeiros son cada vez máis vellos, e cada vez hai menos cartos. Ademais, nos vindeiros 10-15 anos non vai haber un mozo. En Santurtzi non temos remeiros propios, e se por min fora, acurtaría o prazo para ter remeiros propios, para apostar polas traíñas B. Aumentar a cantidade de remeiros propios é difícil, porén eu obrigaría a todos os clubs da Liga San Miguel a teren unha traíña B, para fomentar a canteira.

Voltar