Novas 2012

ENTREVISTAS

29 Ago 2012

"NO INVERNO PENSABAMOS QUE PODIAMOS SER ONCEAVOS, E ASÍ FOI; ESTAMOS TRANQUILOS"

"NO INVERNO PENSABAMOS QUE PODIAMOS SER ONCEAVOS, E ASÍ FOI; ESTAMOS TRANQUILOS"

Xanti Zabaleta, adestrador de Zumaia Altuna y Uría

Faltan dúas semanas e media para que se dispute o play-off de ascenso ou descenso. Hai dúas prazas en xogo, e cinco candidatos. A día de hoxe, só Zumaia Altuna y Uría pode dicir que está na Liga San Miguel, e por iso, a web da ACT recurre a Xanti Zabaleta (Orio, 44 anos), adestrador da Telmo Deun, para saber como se atopa o club. Afirma que o décimo primeiro posto non os colleu por sorpresa, e que están preparados para dar guerra.

 

A liga San Miguel xa rematou para vós, no posto 11. Que balanzo fas, despois de terdes estado tan perto do 10º posto?

A comezos de ano tiñamos previstas tres situacións: baixar directamente, disputar o play-off ou evitar o descenso. Rematamos onceavos, e non se poden pór en cuestión os resultados deportivos. Temos boas sensacións. Tivemos algúns fallos, outras cousas saíron ben, pero en xeral penso que o traballo foi correcto.

 

A palabra fracaso é moi forte?

Non penso que teñamos fracasado, xa que no inverno tiñamos ben claro que íamos estar entre os postos 10 e 12 a finais de tempada. Nunca pensamos que Zumaia fora estar na loita pola 2ª quenda, e así foi. Este club ten filosofía de canteira, e con esa filosofía non hai más remedio que aceptar que o traballo vai ser difícil e que hai que loitar moito. O noso posto na liga foi o onceavo, e contra iso non hai nada que opór.

 

Visto dende fóra, podería dicirse que nunhas regatas fixestes moi bo traballo, pero en outras, bastante malo. Unha actuación con altibaixos. Atopas algunha explicación lóxica?

Ben, diría que esas análises externas son moi simples, superficiais. Cando me fan esa pregunta resposto que si, que cometemos algúns fallos técnicos, e punto, sen lle dar máis voltas.

 

E a análise que fas para ti mesmo?

Esa análise guárdoa para min.

 

Que debe pensar o afeccionado? Ficar tranquilo porque se teñen feito boas regatas, preocuparse porque en outras non se acertou…

Calquera opinión é boa. O afeccionado ten que ter en conta que cando fixemos boas regatas se fixeron unhas análises, e que cando non foi así, tal vez se deran algunhas carambolas. Pode pasar que se opine xusto o contrario. Eu subliñaría a nosa situación por riba de todo: estamos no play-off, e imos ter rivais potencialmente fortes. O máis importante é non perdermos os papeis, manter a serenidade, non desacougar, e ter confianza no noso traballo. Sexa cal for o resultado do play-off, o noso compromiso é que imos dar todo canto teñamos para seguir cos mellores.

 

É evidente que nas últimas semanas vos centrastes claramente no play-off.

É, puidose ver ben claro a última fin de semana que tiñamos a cabeza en Bermeo. Sabiamos que fuxir dese 11º posto era moi complicado, e aproveitei esa semana para comezar a preparar o play-off. O primeiro obxectivo é procurar a reacción dos mozos, e niso andamos.

 

A día de hoxe, e cando faltan dúas semanas longas para o play-off, como definirías o teu estado mental? Nervosismo, tranquilidade, ganas de que chegue o día…

A mensaxe é que estamos tranquilos. Eu e máis os remeiros.

 

Como ves ese play-off? Todo o mundo comenta que Orio Babyauto é o grande favorito, case até dicirse que vai ser imbatíbel.

Favoritos ou non, cada quen interpreta os datos, as sensacións, segundo lle convén. É innegábel que Orio gañou todas as regatas da ARC1, que é a primeira embarcación da historia en conseguilo, e que vai ser un contrincante moi forte. Orio é unha icona no mundo do remo, ten un palmarés impresionante, e esa historia dalles un favoritismo a priori. Facendo unha comparación, Orio é ao remo o que o Real Madrid é ao fútbol. Fixeron sete fichaxes para procuraren voltar nun ano á Liga San Miguel, e durante todo o ano tiveron entre cella e cella a terceira fin de semana de setembro, para dar o mellor.

 

Que podes dicir sobre Santurtzi-Iberdrola?

Que ano a ano están a traballar mellor, mellorando o bote, e algún ano lle ha chegar o seu momento. Ten bo equipo, equilibrado, e fixo boas regatas. Estivo perto de Orio en algunhas regatas.

 

Que opinas das galegas?

Moitas dúbidas, pero con un punto de partida claro. Se veñen disputar o play-off por algo será, e cómpre actuar con prudencia coas galegas.

 

A día de hoxe, que dúas traíñas vogarán na Liga San Miguel no ano 2013, segundo a túa opinión?

Zumaia e outro club máis.

 

Que opinión che merecen as dúas regatas do play-off? Bermeo, mar aberto e normalmente con oleaxe, e o domingo, ría en Portugalete, aínda que con moitas correntes.

A primeira competición dun play-off sempre é máis importante, e no remo tamén. O resultado de Bermeo condicionará totalmente a regata de Portugalete. Bermeo é un campo de regateo técnico, que ten moitos hándicaps.

 

Parece vital clasificarse entre as dúas primeiras en Bermeo.

Totalmente dacordo, porque eses dous vense dentro, e os outros tres non. O primeiro día non se gaña nada, pero podes perder moito.

 

Na clasificatoria da Concha ides enfrontar algunhas das rivais que vos ides atopar no play-off. Pódese ver unha loita psicolóxica entre esas embarcacións?

Pode, porque cando hai enfrontamentos directos téndese a contrastar datos. Despois cada un fará as interpretacións que lle conveñan, como na política. O que faga mellor tempo porá ese dato na mesa, e o que ficase por detrás, quizais o tema dos propios. O meu obxectivo é que os rapaces fagan unha boa regata, que desfruten porque o marco é incomparábel. Primeiro desfrutar, despois xa veremos.

 

Zumaia xa leva 7 anos na Liga San Miguel. Que balanzo fas?

Ben, eu só levo dous anos en Zumaia. Temos unha política de canteira, e con esa política é complicado competir de ti a ti contra as demais. Porén, é bonito ver que os rapaces novos que chegan ao club poden conseguir un nivel próximo aos mellores remeiros da Liga San Miguel. Para o remeiro é moi bonito que suceda iso.

 

E a Liga San Miguel, 10 anos.

Diría que comercialmente é un produto que se vende moi ben. Conseguiuse un equilibrio, pero hai varios aspectos nos que a situación non é para botar por fóra. Sobre todo no que se refiere aos remeiros. Nós somos os verdadeiros protagonistas disto, pero diría que estamos nun segundo nivel.

Voltar