Novas 2017

ESPECIAL

15 Set 2017

Oito longos e centos de soños

Oito longos e centos de soños

A Bermeo Hiriko XXXV. Bandera e a XLIII Bandeira El Corte Inglés pecharán o telón da tempada canda o playoff de ascenso da Eusko Label Liga

Parece que foi onte cando encetamos a tempada da Eusko Label Liga en augas da ría de Bilbao. Dende entón, máis de dous meses despois, a loita pola Coroa CaixaBank remata nesta fin de semana, onde se coñecerá o desenlace dunha tempada que pasará á historia pola espectacularidade de moitas das súas xornadas, incluídas varias regatas en que foi preciso botar man do vídeo finish para coñecermos o nome do vencedor.

A falta das dúas últimas batallas, a clasificación xeral da Eusko Label Liga chega con diferenzas mínimas, o que fará vibrar as afeccións en cada pada destas derradeiras xornadas. Urdaibai Avia chega na primera posición, con 178 puntos apenas tres de vantaxe sobre o seu inmediato perseguidor, Hondarribia. Orio Babyauto colócase na terceira praza con 160 puntos e Kaiku Producha pecha os postos de honra con 134 puntos. Tras destes, ábrese a listaxe dos aspirantes a levaren a vitoria na segunda quenda. Zierbena Bahías de Bizkaia é quinto con 113 puntos, seguido por San Juan Sumelec en sexta posición con 100 puntos. Tirán Pereira e Ondarroa Cikautxo pechan esta zona media con 83 e 76 puntos respectivamente. No que respecta á clasificación do Trofeo CaixaBank ao Mellor Patrón, Ioseba Amunarriz, patrón de Hondarribia, lidera a táboa unha semana máis con 15 puntos, seguido por Iñigo Larrinaga, de Ondarroa Cikautxo, con 11. Gorka Gimeno, patrón de Kaiku Producha, é terceiro con 9 puntos.

O sábado, desputarase a partir das 18.00 horas a Bermeo Hiriko XXXV. Bandera. A traiñeira local, Urdaibai Avia, levou esta regata en cinco ocasións dende que forma parte do calendario da Eusko Label Liga. Hondarribia, con catro vitorias; Kaiku Producha con tres; e Astillero e Castro, con candansúas dúas, tamén saben o que é gañar na localidade bermeoarra. O mellor tempo deste encontro teno en propiedade Hondarribia do ano 2014, cando parou o crono en 19’16”60. A tempada pasada marcouse a diferenza máis ampla entre os dous primeiros clasificados cando Urdaibai Avia adiantou en 19”18 o segundo clasificado, Hondarribia.

A composición de quendas para este encontro do sábado farase en base á clasificación xeral da Eusko Label Liga. Os clasificados do oitavo posto ao quinto (Ondarroa Cikautxo, Tirán Pereira, San Juan Sumelec e Zierbena Bahías de Bizkaia) vogarán na primeira quenda e os catro primeiros clasificados (Kaiku Producha, Orio Babyauto, Hondarribia e Urdaibai Avia) farano na segunda.

Xa o domingo, chegará o momento de despedir a actual tempada onde saberemos se Urdaibai Avia revalida a súa Coroa CaixaBank ou Hondarribia retoma o reinado da Eusko Label Liga. Todo isto decidirase coa desputa da XLIII Bandeira El Corte Inglés en augas de Portugalete, clásico encontro do mundo do remo que de 2005 en diante é a encargada de pechar a tempada da máxima categoría do remo. A partir do 2005 Kaiku Producha levou catro destes trapos para a casa, seguido por Urdaibai Avia con tres e Hondarribia con dous. Castro, Astillero e Orio Babyauto pechan este palmarés. O mellor tempo deste encontro está no poder de Castro, da tempada 2009, cando a embarcación cántabra parou o crono en 18’58”70. Por outra banda, a diferenza máis pequena entre os dous primeiros clasificados aconteceu precisamente no 2005, cando Astillero adiantou na liña de meta a Orio Babyauto por apenas 1”12. Curiosamente, a diferenza máis ampla en meta marcouna a embarcación aguilucha cando no 2008 lle meteu 12”36 segundos a Castro na clasificación final. As quendas para esta XLIII Bandeira El Corte Inglés, así como para a xornada do sábado, estabeleceranse en base á clasificación xeral, polo tanto poderanse saber logo de se desputar a regata de Bermeo e sumárense os puntos colleitados por cada equipo.

Soños de ascenso

Paralelo á loita pola Coroa CaixaBank desputaranse as dúas xornadas do playoff de ascenso á Eusko Label Liga. Bermeo e Portugalete medirán as forzas das cinco embarcacións participantes, entre as que atopamos debutantes e vellos coñecidos. Contrastando coa primeira participación de CR Puebla nesta fase de promoción temos a S.D. Samertolameu, que loitará este ano por sétima vez no playoff. Santurtzi Iberdrola chega a este encontro por terceira vez, tras tentáreno en 2010 e 2012, mentres que Ares e Donostiarra participan no seu segundo playoff, ambos consecutivos logo de vérense as caras o ano pasado cando Ares privou ao club donostiarra de ascender conseguindo a segunda posición por detrás de Ondarroa Cikautxo. Atendendo o histórico destes dous encontros, vemos que das 14 veces que se desputou o playoff, en 7, mantiveron a categoría cando menos un dos equipos que defendían a súa praza ACT.

A lembranza máis próxima do playoff atopámola, obviamente, no ano pasado cando Ondarroa obtivo o pleno de puntos tras vencer nos dous encontros. Ares pola súa banda obtivo a súa praza na elite, sorprendendo en Bermeo a todos os que descoñeciamos a pericia da ‘Santa Olalla’ entre as ondas e defendeu a súa vantaxe no mar calmo da ría. Donostiarra tivo que se conformar coa terceira praza con catro puntos e Portugalete consumou o seu descenso tras clasificárense en última posición nas dúas xornadas.

Os dous encontros do playoff deste ano desputaranse este ano previamente á regata da Eusko Label Liga, no sábado ás 18.00 horas e no domingo ás 12.00 horas. Ambas regatas serán en formato contra o reloxo e a orde de saída do domingo será seguindo a orde inversa á clasificación final da xornada do sábado.

Voltar