ACT TV 2018
ESPECIAL
15 Xul 2018
Repoker de bandeiras para Urdaibai Avia
A Bou Bizkaia e a San Juan Iberdrola voltan gañaren e amplían a súa vantaxe na clasificación xeral
6 bandeiras desputadas e 5 triunfos para Urdaibai Avia na Eusko Label Liga que parece decidida a se facer de novo coa Coroa CaixaBank. Golpe de autoridade da Bou Bizkaia en augas de Castro Urdiales onde demostrou, de novo, ser a máis forte. Grande regata tamén de GO fit Hondarribia e de Orio Babyauto que desputaron a segunda posición até a derradeira pada e que lideraron a regata nos primeiros longos, mais finalmente chegaron 12 segundos atrás dos de Bermeo. Unha onda no último treito do segundo longo posibilitou aos 'txo' colocárense na proa de regata e non abandonaron a posición até o fin. Dura pugna tamén pola cuarta praza que finalmente foi para Zierbena Bahías de Bizkaia, que pechou a quenda a 18 segundos de Urdaibai Avia.
A punto estivo de lle roubar esa posición a Sotera. Santurtzi Iberdrola vogando na segunda quenda ficou a 3” de marcar a cuarta mellor marca da xornada. Cabo rematou a 4 segundos da Sotera e máis atrás chegou Donostiarra Kaiarriba-Amenabar a 10” e Ondarroa a 17”. Quenda tamén igualadísima que conseguiu rachar Santurtzi Iberdrola no terceiro longo.
Do mesmo xeito, foi moi emocionante tamén a primeira quenda, na que Kaiku Producha e San Pedro protagonizaron unha loita cruenta pola proa de regata que non se resolveu até o derradeiro longo. Na última ceavoga ambas as dúas embarcacións vogaban a un tempo, e no sprint final foi a Bizkaitarra quen se adiantou e conquistou a quenda. Grande rexistro para os de Sestao que marcaron o sexto mellor tempo e levaron 7 valiosísimos puntos. A Libia chegou a 3 segundos, e máis retrasados ficaron Tirán a 26” e San Juan Sumelec 31”.
A clasificación xeral séguea a liderar Urdaibai Avia que suma 82 puntos e supera en 8 o seu inmediato perseguidor, GO fit hondarribia, que conta con 74. Pecha o podio Zierbena Bahias de Bizkaia. E pecha a clasificación Tirán Pereira con 11 puntos, que suma 9 menos que San Juan Sumelec e 10 menos que Kaiku Producha, que escalou na clasificación co grande resultado de hoxe.
Na táboa polo maillote CaixaBank ao mellor patrón, segue na primeira posición Ander Etxegoien, de San Pedro.
San Juan Iberdrola non dá opción
Máis perto que nunca nesta tempada estivo Orio Babyauto de lle arrebatar a bandeira ás batelerak, pero parece que as arroxas non están polo labor de deixaren ningunha no seu camiño polo trofeo Euskotren.
Moi igualada tamén a regata feminina. 4 segundos de vantaxe para as sanjuandarras na ceavoga, que se viron reducidas notabelmente no longo de volta, dando esperanza ás amarelas. Apertou San Juan Iberdrola no último longo e finalmente non deu opción a Orio Babyauto que concluiu a 4 segundos das líderes. A 19 segundos chegou GU Arraun e a 25 segundos pechou a regata Hondarribia Bertako Igogailuak.
A semana que vén a máxima competición do remo chegará o sábado a augas de Pasaia, na II Bandeira Adegi, e a Orio o domingo, na VI Orio Kanpina Bandera.