Novas 2013

ENTREVISTAS

05 Set 2013

"O NOSO NIVEL É PARELLO ÁS MELLORES DA LIGA ARC, OU AO DAS DÚAS ÚLTIMAS DA LIGA SAN MIGUEL; TEMOS OPCIÓNS"

"O NOSO NIVEL É PARELLO ÁS MELLORES DA LIGA ARC, OU AO DAS DÚAS ÚLTIMAS DA LIGA SAN MIGUEL; TEMOS OPCIÓNS"

Luis Pazos, remeiro de Samertolameu Meira

Luis Pazos é unha das voces máis autorizadas do remo galego (Marín, Pontevedra, 43 anos). Campión da Liga Galega de Traíñas (LGT) con Samertolameu, coñece o play-off de ascenso (participou con Astillero en 2009), e remou durante cinco tempadas na ACT. Coñece a máxima categoría, e gustaríalle voltar con unha embarcación da Terra. Cre que Zierbena parte con unha lixeira vantaxe, pero augura loita pechada entre as outras catro traíñas.

 

Hai moitas preguntas arredor do potencial das dúas traíñas galegas que van participar no play-off de ascenso. Como remeiro de Samertolameu, que podes aportar?

Podo dicir que gañamos a Liga Galega de Traíñas con sete puntos de vantaxe a Cabo da Cruz, que gañamos sete regatas de trece, e que na regata clasificatoria da Concha estivemos aí, en loita con catro das cinco traíñas que vogaremos no play-off.

 

En esa regata Zierbena foi superior ás outras catro. É favorita para conseguir un posto?

Parece que está un chanzo por riba das demais, si. Penso que foi 12 segundos máis rápida que as demais en Donostia, e é unha distancia a considerar. As outras catro embarcacións entramos en 6 ou 7 segundos, e iso amosa que vai haber unha pugna tremenda. Cabo da Cruz demostrou que pode gañarnos na nosa Liga, e con Isuntza tamén cómpre ter cuidado. Para eles remar en mar aberto é o máis natural, saen a adestrar a mar aberto, e nós as galegas somos máis de ría.

 

Para ti, entón, a clasificatoria da Concha foi unha referencia a ter en conta?

Foi, foi, eu creo que alí todas saímos a tope, a ver se entrabamos. Nós non fixemos boa regata, pero xa foi, toca aprender dos erros cometidos para non voltar repetilos.

 

Onde podería estar Samertolameu na Liga ARC ou na Liga ACT?

Eu penso que se movería coas mellores da Liga ARC, e tamén coas dúas últimas da Liga San Miguel.

 

Comentaches que hai botes que están máis acostumados que vós a remar en mar aberto, e Bermeo é regata en mar aberto. Preocupado?

Si, porque o había de negar, porque Bermeo vai marcar a pauta do play-off. Quen consiga as dúas primeiras prazas en Bermeo terá dado un grande paso. Eu coñezo ben o campo de regatas, remei con Urdaibai, e hai que ver as condicións meteorolóxicas, como inflúen. Hai máis factores tamén, como se atura a presión de ser o favorito, por exemplo. De Bermeo tranquilízame un pouco que a parroquia local apoiará a Samertolameu, porque José Manuel Francisco (adestrador de Samertolameu) e mais eu remamos en Urdaibai.

 

Es remeiro veterano, que che din os compañeiros máis novos do barco, supoño que che preguntarán moito pola Liga San Miguel, non é?

Si. Algunos xa a coñecen, de cando Meira estivo na ACT, no 2005 penso, mais claro, eles saben que eu estiven cinco anos na mellor liga e preguntan. Saben que sería subir un chanzo moi importante, pero á vez aconsello que non se obsesionen, que remen sen presión, e que se o ascenso ha de vir, virá porque o merecemos, non porque si. Se pensamos que habemos subir porque si, mal imos.

 

Galiza ten un representante na Liga San Miguel, Tirán-Pereira, e a ACT emprega un fondo de solidariedade para axudar as embarcacións galegas nos desprazamentos e demais. Está Samertolameu en disposición de remar na ACT economicamente?

Eu penso que si. Se Meira vai ao play-off, e estámolo preparando ben, con intención de conseguir un dos dous postos, será porque o club previu a posibilidade de vogar na máxima categoría, e estarían mirando as súas cousas, posíbeis patrocinios e demais, para poder estar na elite. Imaxino que se non tiveran claro que economicamente é viábel, xa nolo terían feito saber. Está claro que ser parte da mellor liga de regatas é un escaparate moi amplo para calquera club de remo.

 

Merece Galiza un segundo representante na Liga San Miguel?

Claro. Sería bonito para nós. Ademais é probábel que a Liga San Miguel viñera para acá dúas fins de semana, no lugar dunha, como esta temporada, e iso sería un bo reclamo publicitario a nivel institucional.

Voltar