Novas 2020
ENTREVISTAS
17 Set 2020
Derradeiro chanzo para entrar na elite
Cinco aspirantes repartiranse as dúas prazas disponíbeis na Liga Eusko Label da vindeira tempada
Cinco equipos chegan ás portas do playoff da Liga Eusko Label coa intención de conseguiren unha praza na elite do remo, mais apenas dous conseguirán un pase para remaren na vindeira tempada na Liga Eusko Label. Os campos de regatas de Bermeo e Portugalete ditaminarán os dous equipos merecentes de estaren na máxima categoría do remo en dúas trepidantes xornadas nas que estes cinco equipos porán toda a carne no asador para conseguiren o obxectivo.
SD Tirán Pereira e Samertolameu Oversea veñen de se repartir todas as bandeiras e coparen as dúas primeiras posicións da clasificación durante toda a tempada. Estes dous equipos veciños desputaron entre si o liderado da Liga Galega até a derradeira xornada, rematando empatados a puntos no fin da tempada regular.
Na ARC tres cuartos do mesmo. SDR Pedreña Grupo Dynasol e Sanpedrotarra A.E. dominaron a competición en augas vascas e cántabras destacándose logo dos seus perseguidores e ocupando as dúas prazas que dan acceso a este playoff.
No outro lado da moeda está Zarautz Babyauto, que malia completar un grandísimo retorno á Liga Eusko Label despois de 10 anos de ausencia na máxima categoría, caiu á undécima praza da clasificación nas últimas xornadas e terá que defender o seu posto nestas xornadas de promoción.