Novas 2016

ENTREVISTAS

25 Mai 2016

"Tentaremos gañar a Coroa CaixaBank"

"Tentaremos gañar a Coroa CaixaBank"

O adestrador de NT2 Hondarribia, Mikel Orbañanos, analiza a pretempada dos da 'Ama Guadalupekoa' e proponse gañar por terceira vez consecutiva a Coroa CaixaBank

Os remeiros da 'Ama Guadalupekoa' enfrentan con moita ambición o inicio da Liga San Miguel, xa que, tras proclamárense campións da liga no 2013 e 2014, tratarán de repetir o mesmo resultado por terceiro ano consecutivo e conseguir así ficar coa Coroa CaixaBank en propiedade. Cómpre lembrar que o único club en ter a Coroa CaixaBank en propiedade é Kaiku Producha, polo que igualar esta marca sería "un bonito aliciente" para NT2 Hondarribi.

A pretempada do conxunto de Hondarribia foi "tranquila e boa", segundo o técnico oriotarra Mikel Orbañanos, xa que, "tanto nos descensos de banco móbil como de banco fixo, manexámonos ben e colleitamos bos resultados". Tras teren gañado o descenso de Hondarribia e máis o de San Pedro, o preparador oriotarra di que o seu equipo está "ao nivel de anos anteriores".

No apartado de incorporacións, Mikel Orbañanos menciona que "tivemos incorporacións da canteira que nos dan frescura ao plantel", mais ao mesmo tempo, "mantemos o bloque do ano pasado que nos asegurará as posibilidades de render ben". Tanto os canteiráns, como o bloque do ano pasado do conxunto verde, "atópase con vontade e con ilusión" de comezar a Liga San Miguel.

O adestrador de NT2 Hondarribia ten claro que "non podemos cometer o error de confiármonos", por iso, adestran día a día "mantendo a tensión e poñendo vontade nos adestramentos". Deste xeito, Mikel Orbañanos é ambicioso e presenta as credenciais dun dos máximos favoritos da Liga San Miguel con este obxectivo: "dar o mesmo nivel de anos anteriores e estar na pelexa pola Coroa CaixaBank".  

Voltar