Novas 2018
ESPECIAL
25 Mar 2018
Un calendario cheo de adrenalina
Asoma no horizonte unha nova edición da Eusko Label Liga e hoxe presentamos o calendario que conformará a mellor liga de traiñeiras
Ano tras ano os nosos protagonistas supéranse e bríndannos regatas cargadas de emoción, intensidade e sentimento. Todo isto levounos a vivir finais de regata moi axustados que se tiveron que resolver nos metros finais, innundándonos con uns segundos de adrenalina total. E con este novo calendario da Eusko Label Liga 2018 pretendemos estar á altura do nivel colocado polos deportistas. As augas do Cantábrico e do Atlántico acollerán durante os meses de verán un total de 19 xornadas da Eusko Label Liga, mentres que, como grande novidade para este ano, a Liga Euskotren aumenta o seu calendario até as 14 regatas. Collede papel e boli e non vos esquecer de anotar ningunha data, porque a batalla pola Coroa CaixaBank chega cargada de adrenalina.
A Eusko Label Liga soltará estachas dentro de tres meses en augas biscaínas, onde se celebrará a IX Bandeira de Bilbao. O encontro levarase a cabo o penúltimo fin de semana de xuño. Quere dicir o sábado 23 ou o domingo 24 de xuño, ficando a data pendente de ser confirmada. En canto ás seguintes dúas probas, os clubs seguirán navegando en augas biscaínas. O 30 de xuño, a caravana da Eusko Label Liga encóntrase en Portugalete e Sestao onde as traiñeiras pugnarán pola XVII Bandeira Concello de Sestao, e o día seguinte o encontro será en Zierbena coa III Bandeira Petronor. Estas dúas xornadas servirán para dar o bandeirazo de saída á Liga Euskotren, con habitual playoff.
O segundo fin de semana de xullo traerá outra das grandes novidades do calendario. A Coruña, acollerá unha dobre xornada de competición onde se porá en xogo a II Bandeira Cidade da Coruña os días 7 e 8 de xullo, e onde por primeira vez tamén se verán as caras as catro traiñeiras da Liga Euskotren. Xa o 14 de xullo, as augas guipuscoanas debutarán nesta nova edición da Eusko Label Liga e da Liga Euskotren en San Sebastián coa XI Bandeira Donostiarra Kaiarriba, mentres que o domingo a ACT non faltará ao seu encontro con Cantabria, desta vez en Castro Urdiales, da man da VI Bandeira CaixaBank. A oitava e novena xornadas de competición concentraranse en Gipuzkoa, coa Bandeira de Pasaia o sábado 21 de xullo e o día seguinte o mar de Orio coa súa Orioko XXVIII. Estropadak - VI. Orioko Kanpina Bandera. Ambos encontros tamén puntuábeis para a Liga Euskotren.
O último fin de semana de xullo, para pór fin á primeira metade da tempada, os clubs da Eusko Label Liga e da Liga Euskotren moveranse para Bizkaia. O sábado 28, Getxo acollerá a Getxoko Estropaden XL. Ikurriña mentres que o domingo 29 farao Santurtzi coa Santurtziko XXXVIV. Ikurriña. E con este fin de semana darase por rematado o primeiro bloque de competición, cedendo o fin de semana seguinte o paso ao Campionato de España de Traiñeiras.
Agosto arrancará para a Liga Euskotren e a Eusko Label Liga o 11 de agosto en Ondarroa coa XXXIV. Ondarroako Bandera - Cikautxo Sari Nagusia e xa o domingo a competición trasládase a augas hondarribiarras para desputar a Hondarribiko XXXI Bandera - GP Mapfre. Co terceiro fin de semana de agosto, máis concretamente os días 18 e 19, chegará un dos encontros clásicos do verán: a XLI Zarauzko Estropadak, unha dobre xornada de competición onde a emoción e o bo ambiente serán os protagonistas. Un encontro, como xa é tradicional, que coroará as novas raíñas da Liga Euskotren.
O mes de agosto finalizará coa segunda e última incursión en augas galegas os días 25 e 26. A xornada do sábado desputarase na localidade de Moaña onde as traiñeiras loitarán por se facer coa XXXVI Bandeira Concello de Moaña – VIII GP Fandicosta. Durante a xornada do domingo, celebrarase a XXVIII Bandeira Concello de Boiro en augas de Cabo que pechará o calendario regular da Eusko Label Liga.
Coa entrada do mes de setembro, e unha vez pasada a Bandeira da Concha, celebraranse dúas regatas fundamentais para a competición. Algúns ascenderán, outros descenderán e apenas un club se coronará coa prezada Coroa CaixaBank. A primeira xornada do playoff de ascenso terá lugar en Bermeo o día 15 de setembro, onde se porá en xogo tamén a Bermeo Hiriko XXXVI. Bandera. No día seguinte quenda para a última do ano, a clásica XLVIII – XLIV Bandeira El Corte Inglés que tamén acompañará o segundo día de playoff. Este será sen dúbida un dos fins de semana máis esperados da tempada xa que se coñecerán os dous novos nomes que pelexarán en 2019 na máxima competición e, sobre todo, porque se coronará o novo rei da Eusko Label Liga coa prezada e desexada Coroa CaixaBank.
Que comece a conta atrás para os meses máis apaixonantes do ano!