Novas 2012

COMPETICION

26 Xul 2012

"O PATRÓN SOFRE MÁIS ESTRÉS QUE NINGÚN OUTRO"

"O PATRÓN SOFRE MÁIS ESTRÉS QUE NINGÚN OUTRO"

Endika Perez, patrón de San Juan Iberdrola

San Juan Iberdrola está en boca de todos. Fíxose oco na quenda de honra, e un dos seus patróns, Endika Perez, é o líder da clasificación do mellor patrón. O de Pasai Donibane explícanos os segredos do patrón, e de paso, fai un balance do acontecido ata agora na Liga San Miguel.

 

A liga San Miguel chegou ao seu ecuador, e vós estades na quenda de honra. Para uns, unha situación previsible, para outros unha gran sorpresa. Para ti?

O balance é moi bo. En novembro estabamos pouca xente, moitas baixas, incerteza, novo adestrador, parecía que ía empezar un novo ciclo... Pensabamos que esta tempada iamos sufrir. Unha vez comezada a tempada, nos descensos, bateis e traiñeiriñas andamos ben, e iso deunos esperanza. Non quizais como no 2011, pero si un nivel correcto. Ademais, se asumes que non vas andar tan ben como a anterior tempada, e logo conséguelo, a sensación é moi boa.

 

O obxectivo inicial, polo tanto, non era entrar na quenda de honra.

Non, diría que se vogásemos comodamente na segunda quenda ninguén diría nada. Estamos mellor, pois a gozar, sen presión.

 

Antes de que comezase a Liga San Miguel, díxose que ata 7 ou 8 traíñas podían gañar unha bandeira. San Juan Iberdrola non está tan lonxe, tal e como se puido comprobar o pasado domingo.

Así é, pero tamén é certo que gañar unha bandeira remando na quenda de honra é case imposible. Hondarribia Orsa e Kaiku Ambilamp son case inabordables. A opción máis real de gañar bandeira é saír na segunda quenda, facer un regatón, e que as condicións do mar e meteorolóxicas cambien para a quenda de honra. De ti a ti coas mellores, é complicado.

 

Que é bonito remar na quenda de honra, pero que podes levar uns bos golpes vendo o nivel que hai.

Así é. A cabeza traballa moito nesas situacións, e se te atrasas dende o principio, sófrese moito.

 

Onde está agora mesmo San Juan Iberdrola? No seu punto máis álxido, ou aínda con opción de mellora?

San Juan Iberdrola mellorará o seu nivel, pero as demais tamén. Ata agora o adestrador fixo moitos cambios dunha regata a outra, uns sete cambios de media, e aínda e todo os resultados foron bos. Iso quere dicir que hai moitos remeiros con bo nivel, que temos moita forza.

 

Que tal o teu de patrón?

Este é xa o cuarto ano.

 

Como se aprende a ser patrón?

Pois a base de golpes. É bastante difícil. A presión é máxima. Tes que ter a confianza de todo o grupo, e conseguir iso non é doado. Se a consegues, aumenta a túa, e se ti tes confianza, é máis doado conseguir bos resultados.

 

E como se consegue esa confianza?

Pois tendo en conta as ordes do adestrador. A clave é ser positivo, transmitir cousas positivas ao remeiro, e ser sincero cando lles dás referencias. É un traballo de psicólogo. Fisicamente a nosa preparación non é tan dura, pero tecnicamente e tacticamente si. Ter que estar pendente de todo sen pausa mínache mentalmente: correntes, ondas, mareas, vento, a ceavoga, ... Acumúlanse moitas cousas en poucos segundos, e xorde o estrés. Estrés que non podes liberar como o poden facer os remeiros dándolle as pas. Nós non podemos.

 

E como soltas esa tensión?

Intento gardala. Tes que manter a cabeza fría si ou si. A tensión libérase unha vez finalizada a regata.

 

Como é a preparación física e táctica dun patrón?

A preparación física en inverno é parecida á dos remeiros. Pesas no ximnasio, correr para coller a forma e baixar de peso,... Non é tan esixente como a dos remeiros. Tecnicamente é máis difícil. O remeiro nunca dá dúas remadas iguais, aínda que faga miles. Todas son diferentes. As ceavoga igual. Nós facemos unha preparación especial os venres. Ensaiamos ceavoga, na ría e en mar aberto, e agradécese. Hai que traballar todas as situacións posibles. Nos adestramentos apréndese moito, pero é a competición a que che dá ese plus de saberte adaptar a cada situación. A experiencia é fundamental. Non é o mesmo un patrón que teña 2 anos de experiencia, que un que teña 10.

 

Ti levas só 4 anos, pero xunto co teu compañeiro Igor Gaztañaga, sodes líderes da clasificación do mellor patrón que patrocina Mapfre. Contento?

Moi contento, porque ves que o teu traballo dá os seus froitos. Estamos a gusto coa traíña que temos agora, e gañar a clasificación do mellor patrón agora é un obxectivo para nós. Gustaríame dicir que nesa clasificación aparecen os nomes dos patróns, pero que o mérito é de toda a embarcación. Os remeiros fan un gran labor ao realizar as ceavogas. O maillot vermello levámolo nós, pero é de todos.

 

Cal é a palabra que máis usas nunha regata?

Quizais 'buka' o 'bukatu' (rematar).

 

Con que se conformaría Endika Perez de aquí ata o final de tempada?

Se me deixasen elixir, gustaríame conseguir unha bandeira, claro.

 

Podería ser este sábado, na bandeira de casa?

Por que non? Coñecemos ben o campo de regateo e temos unha boa oportunidade.

 

Que che gusta máis, ría e augas tranquilas ou mar aberto e movido?

Mar aberto sen dúbida. As regatas, por tradición, sempre foron en mar aberto, e o labor dos patróns sempre foi decisiva. A sensación de coller unha onda e avanzar metros a moita velocidade é única. En mar aberto a forza non é tan decisiva, ter maña é importante. En augas tranquilas normalmente imponse o que máis forza ten, en mar movido entran en xogo outros factores.

Voltar