Novas 2018

ESPECIAL

22 Xul 2018

Orio Babyauto gaña na casa

Orio Babyauto gaña na casa Orio Babyauto gaña na casa

A San Nikolas imponse nunha regata apaixonante e faise coa súa primeira bandeira da tempada

Derradeiros metros do último longo e Zierbena Bahías de Bizkaia e Orio Babyauto chegaban á par á meta. O espigón de Orio vibraba dos nervos e os berros de ánimo dos afeccionados que se achegaron para vivir a regata da Eusko Label Liga de preto non deixaban ouvir máis nada. Ambas embarcacións cruzaron a meta practicamente á par, e ningunha tripulación se atreveu a celebrar a vitoria. Fixo falta o vídeo-finish, que declarou a San Nikolas vencedora da XXVIII Orioko Estropadak – VI. Orio Kanpina Bandera. Os de Jon Salsamendi lograron na casa a súa primeira bandeira da tempada. É a primeira vez que Orio Babyauto consegue imporse na competición pola súa bandeira na ACT. 

Espectacular a xornada vivida hoxe en augas guipuscoanas, a quenda de honra foi das máis igualadas que se lembren. As catro embarcacións vogaron á par durante practicamente toda a regata . GO fit Hondarribia chegou 4 segundos por detrás á terceira ceavoga e non foi quen de recuperar terreo no último longo. Urdaibai Avia botouse ao primeiro carreiro, o da Ama Guadalupekoa, para tentar manter o pulso ás outras dúas embarcacións que vogaban polo carreiro tres, pero non puido seguir o ritmo e ficou descartada para a bandeira.  Polo mesmo carreiro chegaron Zierbena Bahías de Bizkaia e Orio Babyauto. Os biscaínos pasaron de lideraren a regata a seren os últimos da quenda e erguéronse de novo para seren proa de regata no derradeiro longo, mostra dun esforzo titánico. Os de Gorka Aranberri deron collido varias ondas e apañaron vantaxe para chegaren á par á meta. Logo do momento de tensión, a San Nikolas rebentou de xúbilo ao se dar a coñecer o resultado pola megafonía. O tempo oficial dos amarelos na meta foi de 19’46”56, o dos biscaínos apenas 18 centésimas máis lento.

Na segunda quenda tamén reinou a igualdade, Santurtzi Iberdrola, Donostiarra e Ondarroa Cikautxo vogaban á par até a derradeira ceavoga e finalmente a quenda foi para a Sotera. A 10 segundos chegou a Bantxa, a Antiguako Ama a 19 e pechou a quenda Kaiku Producha.

A outra sorpresa da xornada estivo a piques de a dar Cabo, que na primeira quenda marcou o cuarto mellor tempo da bandeira. O tempo dos de Boiro estivo en todo momento preto dos da quenda de Honra e finalmente foi máis rápida que Go fit Hondarribia. A 15 segundos de Cabo chegou San Pedro, a 36 Tirán e pechou a primeira quenda San Juan Sumelec, a 43.

Urdaibai Avia segue a comandar a clasificación xeral da Eusko Label Liga con 104 puntos. Segunda é GO fit Hondarribia con 93 e terceira Zierbena Bahías de Bizkaia con 89.

Os tres puntos de hoxe ao mellor patrón CaixaBank foron para Gorka Aranberri, de Orio Babyauto. A clasificación séguea a liderar Ander Etxegoien, de San Pedro, con 12 puntos, cinco máis que o patrón oriotarra que é segundo.

 

San Juan Iberdrola evita a sorpresa

Na Liga Euskotren  Orio Babyauto tamén quería que a súa bandeira ficase na casa. No primeiro longo a Txiki aguantoulle o pulso ás Batelerak, semellaba que as amarelas se achegan cada vez máis ás arroxak. Na ceavoga, apenas un segundo de vantaxe para as sanjuandarras. Saiu ben da ceavoga Orio Babyauto, que incluso logrou tirar varios segundos de vantaxe no longo de volta. A grada vibrou apoiando ás súas, pero as batelerak resistiron o pulso e tras recuperaren a vantaxe conseguiron aínda tirar frente a Txiki 6 segundos na meta. Nova bandeira para San Juan Ibedrola, a sétima da tempada. Non deixaron escapar nin a primeira.

A máxima competición do remo volta a fin de semana próxima en Getxo e Santurtzi. 

Voltar