Novas 2014

ESPECIAL

07 Abr 2014

Un calendario de traballo de 11 meses (I)

Un calendario de traballo de 11 meses (I)

Estreamos esta nova sección de reportaxes na que periodicamente achegaremos diferentes aspectos do mundo do remo. Hoxe arrancamos coa preparación física

O traballo do remeiro, en ocasións, parece ficar limitado ao terreno puramente competitivo. Mais para chegar a punto á fase estival, os deportistas teñen que enfrentar un calendario de adestramentos que comeza a finais de outubro e remata en setembro do ano seguinte. Por isto, e para coñecer en que consiste toda esta preparación, Igor Makazaga, técnico de Orio Babyauto, que posúe unha dilatada traxectoria na Liga San Miguel, explicaranos en dous capítulos os planos de adestramentos aos que se someten. No de hoxe, describiranos a primeira grande fase da campaña, a coñecida como o 'inverno'.

"O ano ten 52 semanas: adestramos 46 e descansamos seis", sentenza Igor Makazaga. Nestes once meses de competición o remeiro sométese semanalmente a seis días de adestramentos. "O feito de descansarmos un día é porque psicologicamente a cabeza pide ese día de descanso. Mais fisicamente o remeiro podería estar preparado para o aguantar", apunta o preparador. Nesta primeira fase, que vai de outubro a abril, o  traballo aeróbico é o que prima por riba do resto, aproveitando en terra para facer ergómetro, carreira continua ou traballo de pesas.  "Propomos un traballo de dous días na auga e catro en terra. O obxectivo é acumular quilómetros na hora e media que se prolonga cada sesión e aproveitar para asentar a remada", explica Makazaga. Para ir coñecendo as melloras de cada deportista, aproveitase esta época para realizar periodicamente exames físicos individuais. "Os controis que se fan de xeito mensal sérvennos para avaliar e poder mellorar individualmente, para así despois poder medrar en grupo", conclúe Makazaga.

Voltar