Novas 2018

ESPECIAL

07 Xul 2018

A Coruña agarda a elite do remo

A Coruña agarda a elite do remo

A Bandeira Cidade da Coruña porá en xogo o seu cetro da Eusko Label Liga e da Liga Euskotren mañá e máis domingo 

A Praia de Riazor voltará esta fin de semana recibir as mellores traiñeiras do momento. Mais, se o ano pasado servía para facer debutar a Eusko Label Liga en augas coruñesas, este ano o encontro chega con novidades importantes. A Bandeira Cidade da Coruña pasa ser unha dobre xornada na que as 12 traiñeiras masculinas pugnarán por se facer coa vitoria e sumaren o máximo número de puntos na batalla pola Coroa CaixaBank. E esa non será a única novidade. Por primeira vez, a Liga Euskotren tamén desembarca en augas coruñesas sendo así a oportunidade para que San Juan Iberdrola, Orio Babyauto, GU Arraun e Hondarribia Bertako Igogailuak se vexan por primeira vez esta tempada frente a frente na máxima competición.

Tanto na Eusko Label Liga como na Liga Euskotren, a suma dos tempos das dúas xornadas, que terán lugar mañá sábado ás 18.00 horas e domingo ás 11.45 horas, será a que determine a orde final da clasificación xeral e, polo tanto, quen decante o gañador da bandeira. Unha bandeira que no ano pasado estivo condicionada porque non parou de ventar, o que fixo chimpar as traiñeiras e obrigou os patróns a se adicaren a fondo para manter a dirección da embarcación. Sen dúbida, un espectáculo que será lembrado por todos os afeccionados ao remo, e quen mellor soubo aproveitar as condicións foi Urdaibai Avia, ao parar o crono en 22’07”12 con apenas 14 centésimas de vantaxe sobre GO fit Hondarribia, mentres Orio Babyauto ficaba a pouco máis de dous segundos.

Como xa aconteceu no ano pasado, o campo de regatas contará con catro longos e tres ceavogas na Praia de Riazor, estando colocadas as balizas interiores a carón do espigón das Escravas. A cuádrupla ración encetará sábado a partir das 18.00 horas coa xornada feminina en primeiro termo, mentres que a masculina collerá o  testemuño no remate da Liga Euskotren. Daquela, a primeira quenda estará composta por Kaiku Producha, Tirán Pereira, San Juan Sumelec e San Pedro. Para a segunda quenda, Ondarroa Cikautxo, Donostiarra, Cabo e Orio Babyauto. E xa na quenda de honra, Santurtzi Iberdrola, Zierbena Bahías de Bizkaia, GO fit Hondarribia e Urdaibai Avia, que chega como líder da Eusko Label Liga ás augas da Coruña. Logo, domingo, o comezo da Liga Euskotren será ás 11.45 horas e despois será a vez da competición masculina con unha orde de saída inversa á clasificación do sábado.

Cómpre sinalar por último que a Fan Zone que acompaña ao longo de todo o calendario as xornadas da Eusko Label Liga estará situada tamén no espigón das escravas. 

Voltar