Novas 2018
ESPECIAL
08 Xul 2018
Urdaibai Avia non dá tregua
A ‘Bou Bizkaia’ e as ‘Batelerak’ de San Juan Iberdrola repiten triunfo e levan a Bandeira Cidade da Coruña
Unha Bandeira Cidade da Coruña que tivo como denominador común o vento, que foi o protagonista da fin de semana pondo a proba a pericia das 16 embarcacións. E de novo, as que maior rendemento deron foron Urdaibai Avia na Eusko Label Liga e San Juan Iberdrola na Liga Euskotren. Os bermeotarras conseguiron manter a proa da regata da quenda dende o comezo, atopando apenas na primeira metade da quenda resistencia por parte de GO fit Hondarribia, mais no terceiro e cuarto longo os da ‘Bou Bizkaia’ metiron unha marcha máis e foron directos a pola súa terceira bandeira da tempada, voltando así a ergueren na popa a Bandeira Cidade da Coruña. Pola súa banda, GO fit Hondarribia foi cuarto a 19 segundos, mentres que Zierbena Bahías de Bizkaia deixaba máis de medio minuto frente os ‘txo’ ficando na sexta posición. Completou a quenda Donostiarra, lonxe da proa da regata, e sendo décimo.
Grande batalla a vivida tamén na segunda quenda, loitando Orio Babayuto xa non apenas contra os seus tres rivais de quenda, mais tamén co tempo marcado por Ondarroa Cikautxo. E non foi até o derradeiro longo cando os aguiluchos puideron mellorar os rexistros dos da Antiguako Ama, parando o tempo en 21’39”02 e valéndolles para se faceren coa segunda praza na xornada de hoxe. A ‘Sotera’ fíxose coa quinta posición hoxe, a 20 segundos dos gañadores, mentres Cabo foi oitavo a 45 segundos. Pechou a quenda Kaiku Producha, que marchou para a penúltima posición.
Na primeira quenda, Ondarroa Cikautxo mantivo unha dura pugna con San Pedro, pero conforme avanzaba a quenda, os da Antiguako Ama conseguiron ir pondo auga polo medio e levaren a primeira quenda con una marca de 21’47”51, que lles valeu para levar a terceira posición na xornada de hoxe. Pola súa banda, os da ‘Libia’ de San Pedro conseguiron a sétima praza a 35 segundos dos gañadores. Completaron a quenda San Juan Iberdrola, a medio minuto dos ondarrutarras, e clasificándose na novena posición, mentres que Tirán Pereira pechou a quenda a 50 segundos na duodécima praza.
San Juan Iberdrola voa baixo
Nas mulleres San Juan Iberdrola segue a un ritmo demoledor. As ‘’Batelerak’, de novo, non dan opción a ningunha das rivais, dominando perfectamente un mar moi complicado e conquistando a vitoria con unha marca de 12’01”48. Por detrás, as oriotarras ficaban a 28 segundos, amarrando en calquera caso a segunda posición na clasificación final. Para a terceira posición a loita foi axustada entre Hondarribia Bertako Igogailuak e GU Arraun, cruzando as verdes as balizas interiores sobre unha onda que lles valeu para seren terceiras, mellorando en dous segundos o tempo das donostiarras. Logo deste resultado, as sanjuandarras mantéñense imbatíbeis e xa son 16 puntos os que teñen no seu marcador, catro máis que Orio Babyauto.
Deste xeito, a Eusko Label Liga e a Liga Euskotren encontraranse o vindeiro fin de semana en dous escenarios clásicos: San Sebastián e Castro Urdiales, onde se porán en xogo o sábado e o domingo respectivamente a XI Bandeira Donostiarra Kaiarriba – Amenabar e a VI Bandeira CaixaBank.