Novas 2018
ESPECIAL
02 Xul 2018
15 anos de navegación conxunta coa ACT
Tal día como hoxe hai 15 anos, a ACT constituíase como Asociación e comezaba a navegar un proxecto que se asentou como un dos eventos do verán
Hoxe é un día especial para a ACT. Hai 15 anos, o 2 de xullo de 2003, o Hotel Hesperia Zubialde de Bilbao presenciaba a constitución dun novo proxecto denominado Asociación Clubs de Traiñeiras (ACT). Un proxecto que nacía grazas ao apoio do Goberno Vasco, Goberno Cántabro, Goberno Asturiano e Goberno Galego. O obxectivo principal, e aínda que agora semelle unha obviedade, era constituír unha liga cun regulamento e un calendario propio que agrupara as 12 mellores embarcacións da cornixa cantábrica e atlántica.
Logo de intensas reunións, especialmente esta última do 2 de xullo de 2003 que se alongou até a unha da madrugada nunha Asemblea de máis de 15 horas, por fin botou a navegar a ACT. Un nome, a modo de anécdota, que acuñou Carlos Izar inspirándose no modelo da ACB, Asociación Clubs de Baloncesto. Unha ACT que foi fundada polos clubs galegos de Mecos, Tirán e Cabo; polas cántabras de Castro, Pedreña e Astillero; as biscaínas de Urdaibai e Isuntza; e as guipusconas de Orio, San Juan, Hondarribia e Zarautz. Esta primeira Asemblea, cómpre sinalar, designou a Koldo Díaz como primeiro presidente da ACT. Despois desta Asemblea, e por mor de que catro días despois encetaba a competición, comezouse a altas horas a deseñar o calendario para poder así no día 6 de xullo ter a primeira regata en augas de Castro, coa desputa da Bandeira Ono.
A partir daquel 2 de xullo de 2003, a ACT navegou con rumbo fixo e conseguiu cumprir o seu obxectivo principal, aglutinando novos obxectivo nesta navegación que permitiron convertir a liga de traiñeiras nunha competición de máximo nivel e cun nivel de atracción moi alto. Malia que o proxecto naceu con forza e con unha necesidade clara, o escepticismo da viabilidade deste proxecto era patente, pero o bo facer dos clubs e a súa implicación nesta Asociación permitiron que a ACT acadase cotas cada vez máis altas ao longo destes anos.
É por todo isto, e dado que esta semana a ACT está de aniversario, que ao longo da semana adicaremos diariamente un espazo a estes 15 anos de ACT. Estade moi atentos porque chegan sorpresas.