Novas 2013

ENTREVISTAS

26 Xul 2013

"A FIN DE SEMANA É A DERRADEIRA OPORTUNIDADE PARA ACHEGÁRMONOS A PEDREÑA; A VER SE NOS POÑEMOS A DOUS OU TRES PUNTOS"

"A FIN DE SEMANA É A DERRADEIRA OPORTUNIDADE PARA ACHEGÁRMONOS A PEDREÑA; A VER SE NOS POÑEMOS A DOUS OU TRES PUNTOS"

Xipri Elorza, remeiro de Zumaia

A vida diaria de Xipri Elorza é bastante dura (Endoia, 24 anos). Traballa até as seis e media da tarde, colle o coche e vai adestrar a Zumaia, para voltar case sempre de noite para a casa. Así practicamente todos os días nos que non ten regata. En vésperas da regata na casa, os remeiros da Telmo Deun zumaiarra sinten que teñen unha das derradeiras oportunidades para tentar gabear ao 10º posto, posto que garante manter a categoría. Di Elorza que para se facer forte non hai reto máis importante que tentar achegarse a Pedreña.

 

A liga consumiu xa medio calendario, pero fagamos un balanzo do realizado por Zumaia até agora. Cal sería o teu resumo?

Aí están os resultados, e a clasificación di que somos o 11º equipo. Temos a seis puntos o posto que garante a permanencia na máxima categoría, pero á mesma distancia o descenso directo. Aí estamos, non está mal. Non estamos supercontentos, pero tampouco desilusionados. Polo menos temos un barco por detrás e non é pouco. Respecto á tempada, creo que imos de menos a máis, aínda que os resultados non reflictan esa mellora. Esta fin de semana dispútanse dúas regatas cruciais para nós, que nos dirán cal vai ser o obxectivo no final da tempada.

 

O obxectivo a comezo de tempada era manterse, e de momento, aínda que en posto de play-off, estades dentro. Contento?

Somos undécimos, pero se fóramos décimos mellor, e novenos, nin che conto. De momento temos unha traíña detrás, gustaríanos que fosen dúas. A chave é dar guerra, estar aí, non deixar a Pedreña relaxarse.

 

Seis puntos como son, moitos ou poucos?

Na ACT hai moita igualdade, e nunha fin de semana as cousas poden mudar moito. Está nas nosas mans reducir esa distancia respecto a Pedreña, e iso é importante. Se nós facemos algo mal, Pedreña afástase, e Castro achégase. Hoxe ti, mañá eu… así andamos, como xogando. A ver quen sae gañador do xogo esta fin de semana.

 

Pedreña anda irregular, e nas últimas regatas demostrastes que sodes capaces de deixalos atrás. Imaxino que iso daríavos confianza, non é?

Abofé. A chave é que para alén de nós, sería boa cousa que algún barco máis se clasificara entre as dúas, para conseguir máis puntos de vantaxe, pero tanto Astillero como as que van por diante están fortes, e non há ser doado.

 

Getxo e Zumaia. Dixestes que son dúas regatas moi importantes para vós. Por que?

Pois porque unha vez rematadas saberemos cal será o noso obxectivo no fin da tempada. Ou seguir loitando polo 10º posto, ou centrármonos no 11º e preparar o play-off con tempo. A intención é achegarnos a Pedreña, a uns dous ou tres puntos, para que nas seis regatas restantes de agosto teñamos opcións de achegármonos ao 10º posto. Domingo remamos en Zumaia, é un campo de regatas que coñecemos mellor que ninguén, e a ver se podemos aproveitalo.

 

Non será sinxelo remar sempre en tensión, por evitar ese 11º posto. Como levades esa presión no barco?

Moi ben. No grupo temos un ambiente moi bo, e a relación co adestrador Xanti Zabaleta tamén é moi boa. Esa tensión non inflúe no ritmo diario. Se estiveramos na loita por conseguir bandeiras, quizáis si, mais non é o caso. É certo que non estamos tan ben como nos gustaría, pero esa situación non inflúe no traballo diario.

 

Todas as fins de semana se ouven os resultados da Liga Galega de Traíñas, da ARC-1… No caso de que rematedes a liga no 11º posto, fixádesvos neses resultados?

Por suposto. E moito. Está claro que a cada ano que pasa, o play-off é máis competitivo, máis difícil, e a deste ano tamén. Como se adoita dicir, bromas as xustas. En Galiza hai dous ou tres embarcacións que están ao noso nivel, e na ARC-1, Zierbena tamén esta remando moi rápido.

Voltar