Novas 2013

ENTREVISTAS

23 Ago 2013

"SOMOS HUMILDES, PERO TAMÉN CABEZÓNS; NON TEMOS NADA MÁIS QUE O REMO EN SAN JUAN"

"SOMOS HUMILDES, PERO TAMÉN CABEZÓNS; NON TEMOS NADA MÁIS QUE O REMO EN SAN JUAN"

Joseba Fernandez, adestrador e remeiro de San Juan Iberdrola

Joseba Fernández leva anos ligado ao remo (Pasai Donibane, 39 anos). Viviu de todo, e fala sen pelos na lingua. Non se limita a facer unha análise do realizado por San Juan Iberdrola, e despeza a Liga San Miguel coa tranquilidade de quen sabe do que fala.

 

A tempada vai chegando ao remate, cal é o balanzo do adestrador de San Juan Iberdrola?

Moi bo, estou moi contento. Todos os estamentos do club fixeron un grande traballo: o club, os rapaces… Amosaron unha grande ilusión. Renovamos o club, e iso tiña o seu risco. Evitámolo, mantendo o nivel da tempada pasada. No 2012 quizais fixemos mellores regatas, pero fomos regulares, non tivemos problemas graves. Non esperabamos dar este nivel a principios de tempada, xa que o obxectivo era manter a categoría. Fomos capaces de dominar os nosos rivais na 2ª qunda, e en tres regatas remamos na quenda de honra, en dúas delas con dignidade. O balanzo non pode ser mellor pola miña parte. A tempada está sendo bonita.

 

Tivestes que facer 8 trocos na traíña dun ano para outro. Son moitas mudanzas, pero en vez de mirar para abaixo mirastes para arriba. O voso rendemento foi unha sorpresa para ti?

Si, si che dixera cal era o meu pensamento en novembro. Tiñamos por diante un traballo de reconstrución, tres ou catro anos para voltar erguer a cabeza, pero dinme conta deseguida de que o barco ía andar mellor do que estaba á espera. Os mozos comezaron ben, vímolo nas probas do inverno. Iso, á súa vez, confianza, e esa confianza depararanos un futuro mellor. Penso que o 2014 vai ser mellor do que este, se mantemos o equipo como debemos. Aproveitando a ocasión, gustaríame pedir a todos os remeiros que algún día remaron connosco que volten ao club.

 

Por que tantos trocos nun ano? No voso caso, 19 en dúas tempadas.

Hoxe en día é difícil remar, a mentalidade da xente é diferente. Na nosa mocidade remabamos por ilusión, por amosar as cores da vila alá onde íamos. O sacrificio era parecido entón e agora, pero a cabeza é diferente. É difícil manter un club de canteira sen que os remeiros reciban algo de cartos. Que unha persoa meta o remo na súa vida diaria non é doado. Hai traballo, hai quendas laborais, hai parellas e familia… Encaixar todas as pezas é complicado. O exemplo máis claro atopámolo nos dous clubs máis potentes que traballan coa canteira: Hondarribia Orsa e Orio Babyauto. Os dous teñen que apuntalar o equipo con xente de fóra, para dar o grande nivel que están a dar. Nós non temos esa opción, temos que traballar co que temos, pero tamén temos cousas boas. Somos humildes, mais a nosa identidade é especial: os sanjuandarras somos cabezóns, non temos nada máis do que o remo, vivímolo moito e historicamente sempre estivemos cos mellores. Non pasamos periodos longos lonxe da elite, sempre estivemos aí, como Orio Babyauto. Levamos o remo no sangue. Quen rema un ano en San Juan Iberdrola sabe o que cómpre facer para manter o bote cos mellores, e sen ter que lles ensinar nada, iso é moi importante para nós.

 

Sendo un club de canteira, e vendo que os cartos para invertir se están reducindo, intúese bo futuro para clubs coma o voso, non si?

Sobre os modelos de traballo, penso que o remo medrou en Biscaia. Pode ser polo seguemento dos medios. Conseguen unha boa financiación. É certo que Biscaia é máis rica que Guipúscoa. Unindo os dous factores, vese que Urdaibai Umpro Avia ten moito apoio da industria mariña do municipio, que Kaiku é de Sestao pero representa ao Grande Bilbao. Está na crista da onda, e iso suponlle moita presenza nos medios. Portugalete Eulen tamén vai para arriba, con unha grande inversión que aínda non tocou teito. De momento non vexo unha situación parecida aos 80 e os 90, pero imos encamiñados cara iso. Daquela mandaban as embarcacións guipuscoanas, mais porque os cartos que entraban invertíanse na canteira, non en fichaxes. Para min ese é o modelo a seguir. Hoxe en día destínase unha partida para dar algo de cartos aos remeiros, pero nada importante, e espero que siga igual. Eu coñezo os dous modelos, estiven remando en Cantabria 7 anos. Alí non teñen a mentalidade de traballar coa canteira. Si que houbo unha reflexión a respecto de non facer fichaxes e traballar a canteira, pero déuselle prioridade a gañar bandeiras e ligas. Consiguírono, é certo, pero mira como están agora, que problemas teñen.

 

Ti que modelo prefires?

O que temos agora en San Juan sen dúbida ningunha.

 

E non sintes un pouco de envexa san vendo o proceder de dous clubes dos que falastes antes, Hondarribia Orsa e Orio Babyauto?

A palabra non é envexa. Cada un ten que saber onde está, e como se traballa nese lugar no que está. Orio, sobre todo nos dous últimos anos, ten máis xente de fóra. Hondarribia fixo esa mudanza hai un ano. Ten moitos remeiros da casa, pero tamén seis ou sete de outros vilas. Se eu remara en algún deses dous clubs, quizais daría por bo realizar algunha inversión, pero estando como estou en Pasai Donibane, non.

 

Por que? Por medo á reacción que se poida dar entre os afeccionados?

Aquí tamén se apuntalou o club con xente de fóra. Fíxose no 2010 e 2011. Os resultados no 2010 foron moi bos. Fíxose un grande traballo de abaixo arriba, dende que se ascendeu á Liga San Miguel en 2006 e nos seguintes anos, pero con esa política de apuntalamento tamén se cortou a progresión dese bloque. Son decisións que se toman nun momento determinado, e naquel momento acertouse, porque chegaron bos resultados. Pasaron dous anos, e marcháronnos 19 persoas. É moita xente. Ese é un risco moi alto para clubs coma nós. Vén xente de fóra, e despois, quizais, non se identifican con San Juan como os que somos de aquí. Que consecuencia ten iso? Reconstrución. Aquí son conscientes dos que sufriron nos tres anos que estiveron fóra da elite, e o risco de que iso se volva repetir é moi duro. Saímos, mantémonos e estamos orgullosos.

 

Tirar para adiante co que haxa, e ti orgulloso.

Gustaríame especificar algo. Cando digo da casa quero dicir que os mozos das vilas da comarca tamén son canteira para min: Oiartzun, Lezo, Errenteria, Pasai Antxo…. Casualidade, neste momento hai moita xente de San Juan, e iso anima os remeiros.

 

Repetimos a pregunta realizada a Iñaki Arrieta, de San Pedro Ecolmare. Hai pique cos veciños?

Haino e teno que haber. Hoxe e sempre, porque é bo. Se lle preguntas a calquera remeiro de San Juan, xa sei que che vai respostar: que hai que lle gañar a San Pedro como sexa. Iso levámolo no sangue. Dígoo no bo sentido da palabra, a rivalidade é como a que pode haber entre a Real e o Athletic. Historicamente, somos dous dos clubs con máis éxitos do Cantábrico, e o pique entre os dous dura máis dun século. San Pedro será o segundo mellor club da historia, e nós o terceiro. Non é unha rivalidade como a que pode haber entre Betis e Sevilla, para que se me entenda. Eu nunca vin mal rollo. Xa o dixo o grande Aita Manuel, que os dous clubs tiñan entre eles moitísimas discusións, pero tamén moito amor mútuo. Ese é o mellor resumo para explicar a relación entre os dous clubs.

 

O estar un pouco lonxe das bandeiras non fai decaer os afeccionados?

Penso que non. Este ano tampouco os afeccionados estaban á espera de que fixeramos tan boa campaña. Agardaban que remaramos na primeira quenda e estamos na 2ª. A xente da vila está contenta, e máis que vai estar se seguimos mellorando. É certo que estamos afeitos a que o club consiga moitos éxitos, e presión, habela haina. Pero ben, xa virán tempos máis esixentes que os actuais.

 

E como se xestiona esa presión?

Non é doado. Na miña opinión penso que temos menos presión que en Orio, por exemplo. O palmarés que teñen alí non o ten máis ninguén, e teñen moitos mitos do remo. Agora están coma nós, sen moita presión. Gañando bandeiras, iso si. Cando eu era novo si que tiñamos presión. Daquela cumpría gañar sempre. Cando chegue esa presión xa veremos como xestionala. Se chega é porque teremos conseguido victorias.

Voltar