Novas 2014

COMPETICION

02 Xul 2014

Sanxenxo, con dobre ración de remo

Sanxenxo, con dobre ración de remo

A localidade pontevedresa acollerá este sábado a partir das 18.00 horas a II Bandeira Nauta Sanxenxo, correspondente á primeira xornada da Liga San Miguel en Galicia

A Liga San Miguel chega por segundo ano consecutivo ás augas de Sanxenxo onde o vindeiro sábado celebrarase a II Bandeira Nauta de Sanxenxo a partir das 18.00 horas. Unha cita que servirá para abrir o desembarco galego que este ano chegará por partida dobre, xa que no mes de agosto a Liga San Miguel voltará disputar dúas regatas en augas atlánticas.

Así, esta mañá celebrouse a presentación da segunda xornada na Sala de Exposicións Nauta Sanxenxo, onde a alcaldesa da localidade pontevedresa, Catalina González quixo salientar a importancia de poder repetir a boa experiencia do ano pasado e coa que ficaron moi satisfeitos. Unha regata que será a segunda xornada puntuábel da Liga San Miguel e que terá unha dotación económica de 22.500 euros. As balizas interiores, como xa ocorrera o ano pasado, estarán situadas ao pé da Praia de Silgar, xunto ao club Naútico, e as embarcacións terán que realizar un percorrido de catro longos coas súas respectivas tres ceavogas.

A composición de quendas virá marcada pola orde da clasificación xeral. É dicir, na primeira quenda vogarán Urdaibai Avia, Pedreña, Zierbena Bahías de Bizkaia e San Pedro Ecolmare; a segunda quenda estará composta por Cabo, Astillero, San Juan Iberdrola e Portugalete Eulen; mentres que na quenda de honra remarán Hondarribia Orsa, Tirán Pereira, Kaiku Ambilamp e o líder da Liga San Miguel, Orio Babyauto.

Ademais da alcaldesa, na presentación tamén estiveron Iñaki Mikeo, xerente da ACT, así como Diego Portela, directivo de Amegrove Club de Remo. Xa que, no mesmo sábado ás 17.00 horas, tal e como explicou Portela, o grupo A da LGT aproveitará para por en xogo a III Bandeira Concello de Sanxenxo.

Voltar